sábado, 16 de enero de 2010

¡COMEZAMOS O CAMIÑO!

Hoxe comezou por fin a nosa andaina de peregrinación cara a Santiago de Compostela. Tiñamos pensado facer de esta primeira etapa unha curta toma de contacto para medir forzas e ir collendo ritmo, así que decidimos empezar na Basílica de San Martiño e chegar ata a veciña parroquia de Oirán, xa no concello de Mondoñedo.
O día presentouse bastante gris e con chuvascos que a máis de un lle quitarían as ganas ata de levantar da cama, máis a estes Rueiros non se lles amedrenta con calquera cousa, e á hora acordada xa estabamos coma cravos todos tomando o cafetín no Candil... para ir tomando forzas.
Logo do tentenpé, achegámonos á Basílica onde xa nos esperaba Don Serafín para darnos a bendición que nos axudara a acadar o noso destino. Tamén aproveitou para darnos uns consellos de como deberíamos afrontar a nosa peregrinación.
E rematada a bendición... ¡puxémonos en marcha! Con paso firme e decidido fomos camiñando ata chegar a Casa Dora, onde nos desviamos cara a Cardoxe, empezando alí a subida ó coto da Lamela, pasando moi cerca do barrio da Ermida. O camiño de subida non estaba en moi mal estado, pero as choivas de estes días facían que abundaran as poceiras e a lama; e aínda que algún levaba os pantalóns peor que os do cativo ese do anuncio do deterxente, ninguén se queixou.
Chegados xa ó alto, límite das parroquias de Oirán e San Martiño, o camiño tornouse xa de asfalto. Nese momento, por un instante, quixo saír o Sol por detrás das nubes, como se quixera avisarnos de que o destino andaba cerca...
Baixamos a costa a Oirán, rechea a paisaxe de penedos e rochas ben grandes (aínda que tamén as había das pequenas), chegando ata o Cristo de Oirán, onde fixemos paradiña para repoñer fozas (e tamén sacar algunhas fotos...).
Bastou outro pedaciño andando para chegar ata o final da etapa. Contentos e animosos rematamos así a nosa primeira experiencia co Camiño, con ganas xa de que pasen axiña os días ata que volvamos...

domingo, 3 de enero de 2010

Xa temos calendario para ir a Santiago!!

Hoxe reunironse os Rueiros para poñer en común e acordar as datas nas que faremos as etapas do Camiño de Santiago. Xa temos un calendario inicial, e o vindeiro día 16 de xaneiro poñerémonos en marcha con unha curta etapa de toma de contacto,dende a Basílica de San Martiño ata a veciña parroquia de Oirán.

Calendario dos Rueiros