domingo, 21 de febrero de 2010

Segunda etapa do Camiño - Mondoñedo


Pois xa fixemos a segunda etapa do Camiño, esta vez ata Mondoñedo.
A mañá estaba algo fría cando algún de nós quedamos a esperar en Oirán a que os chóferes voltaran de levar os coches. Digo eu que un pouquiño, ainda que outros dicían estar mortos de frío mentres alí esperaban; deberon ser os mesmos que nada máis empezar a andar corrían coma foguetes… supoño que para escapar da xeada. Ben se deitou de que algún “avispao” dos que iban na retagarda sabía de algún bon atallo para darlles caza. E así chegamos todos xuntos a Masma, onde xa estaba programada unha paradiña para coller forzas.
Unha vez tomado o tentenpé, voltamos ó camiño no que aqueles que parecían ter presa voltaron a arrincar coma centellas… ¡parecía que querían chegar aquel día a Santiago!
Uns poucos kilómetros mais adiante xa poidemos avistar o Val de Brea, coa Catedral ó fondo, destino do noso andar de hoxe, cousa que nos deu forzas para poder rematar a etapa… e así, un pouco cansados (uns mais ca outros… vistas as maniotas dos seguintes días) demos por rematada a camiñata.

domingo, 7 de febrero de 2010

Nova ruada no San Blas.

E que era moito tempo sen ruar… e co anuncio das festas do San Blas, no noso veciño barrio de Vilaxoane, coa degustación dos callos o domingo… ante tal ocasión un rueiro que se precie non se pode resistir.
Pois aló fumos, envalentonados co camiño, que nesta ocasión era curto. As previsions meteorológicas non eran as mellores, pero nesta ocasión agradeceuse que non acertaran de todo e poidemos ter un día un pouco nublado ó principio e con grandes claros ó remate do camiño, con algo de frío pero nada do outro mundo.
Chegouse moi ben, en menos tempo do previsto. Nótase que o rueiro llanea mellor que sube ou baixa (algún di que é polo piñón… pero non sei se non será pola correa…) E ainda que unha vez alí tivemos algúna problemiña coa lugar e tipo de xantar, poidemos sentarnos por fin e darlle á manduca, collendo forzas para o regreso.
É que o tema dos rueiros eche así… de golpe e porrazo móntase a ruada e… ¡andando!

sábado, 16 de enero de 2010

¡COMEZAMOS O CAMIÑO!

Hoxe comezou por fin a nosa andaina de peregrinación cara a Santiago de Compostela. Tiñamos pensado facer de esta primeira etapa unha curta toma de contacto para medir forzas e ir collendo ritmo, así que decidimos empezar na Basílica de San Martiño e chegar ata a veciña parroquia de Oirán, xa no concello de Mondoñedo.
O día presentouse bastante gris e con chuvascos que a máis de un lle quitarían as ganas ata de levantar da cama, máis a estes Rueiros non se lles amedrenta con calquera cousa, e á hora acordada xa estabamos coma cravos todos tomando o cafetín no Candil... para ir tomando forzas.
Logo do tentenpé, achegámonos á Basílica onde xa nos esperaba Don Serafín para darnos a bendición que nos axudara a acadar o noso destino. Tamén aproveitou para darnos uns consellos de como deberíamos afrontar a nosa peregrinación.
E rematada a bendición... ¡puxémonos en marcha! Con paso firme e decidido fomos camiñando ata chegar a Casa Dora, onde nos desviamos cara a Cardoxe, empezando alí a subida ó coto da Lamela, pasando moi cerca do barrio da Ermida. O camiño de subida non estaba en moi mal estado, pero as choivas de estes días facían que abundaran as poceiras e a lama; e aínda que algún levaba os pantalóns peor que os do cativo ese do anuncio do deterxente, ninguén se queixou.
Chegados xa ó alto, límite das parroquias de Oirán e San Martiño, o camiño tornouse xa de asfalto. Nese momento, por un instante, quixo saír o Sol por detrás das nubes, como se quixera avisarnos de que o destino andaba cerca...
Baixamos a costa a Oirán, rechea a paisaxe de penedos e rochas ben grandes (aínda que tamén as había das pequenas), chegando ata o Cristo de Oirán, onde fixemos paradiña para repoñer fozas (e tamén sacar algunhas fotos...).
Bastou outro pedaciño andando para chegar ata o final da etapa. Contentos e animosos rematamos así a nosa primeira experiencia co Camiño, con ganas xa de que pasen axiña os días ata que volvamos...

domingo, 3 de enero de 2010

Xa temos calendario para ir a Santiago!!

Hoxe reunironse os Rueiros para poñer en común e acordar as datas nas que faremos as etapas do Camiño de Santiago. Xa temos un calendario inicial, e o vindeiro día 16 de xaneiro poñerémonos en marcha con unha curta etapa de toma de contacto,dende a Basílica de San Martiño ata a veciña parroquia de Oirán.

Calendario dos Rueiros